O papel da mitoloxía e da relixión nas orixes da literatura


LITERATURAS ORIENTAIS
 


As primeiras civilizacións desenvolvéronse hai 5.000 anos. Coñécense como “civilizacións fluviais” porque naceron á beira de grandes ríos: Mesopotamia (Tigris e Éufrates); Exipto (Nilo); India (Indo e Ganxes) e China (Amarelo).
Nas primeiras civilizacións eleboráronse un conxunto de relatos que trataban de explicar de maneira exemplar os grandes temas que terían acollida na literatura (a orixe das cousas, a creación da vida e o seu sentido, o alén, o ben e o mal…). Proporcionaban unha primeira interpretación dio mundo e da vida humana, do seu comezo e causas. Expresan a ideoloxía dunha sociedade e manteñen os seus valores e ideais, as regras e as prácticas tradicionais sen as que todo se fragmentaría.
            As imaxes e os símbolos que aparecen na literatura son considerados imaxes do inconsciente colectivo ou mitos.  Jung afirma que as analoxías entre os mitos antigos e os relatos que aparecen na literatura moderna non son triviais ou accidentais. Existen porque a mente inconsciente do home moderno conserva a capacidade de crear símbolos que noutro tempo encontrou expresión nas crenzas, ritos e mitos do home primitivo.
            A literatura da antigüidade mostra o mesmo modelo. Estas narracións serán diferentes en relación cos pobos que as crean, mais hai paralelismo entre elas. En xeral hai referencias a un pasado metahistórico, imaxinario, pertencente ao ámbito do marabilloso. É o que acontece cos mitos da creación (as figuras do creador: Iavé, Path, Anu, Brahma, Odín…), cosmogonías e teogonías transmitidos ao longo de xeracións de xeito oral que polo seu simbolismo e prestixio poético ( e pola utilización do propio poder) constituíron a gran materia prima das artes e obras literarias. Pensemos co motivo recorrente do diluvio universal (recreación do mundo coa formación dunha nova humanidade), ou nas similitudes do mundo de ultratumba, infernos e paraísos, o poder do destino, das guerras divinas polo reparto do poder, etc.


A literatura mesopotámica

A Xénese sitúa a Mesopotamia como berce da humanidade. Os primeiros poboadores eran sumerios. Sumer caracterizouse por ser unha civilización moi avanzada (economía, organización social) e nela xurdiron as primeiras cidades-estado (Uruk, Ur…) e a cultura urbana. Aquí nace, ademais do mito, a escritura cuneiforme, o primeiro código e a produción literaria despois do terceiro milenio antes da nosa era.
Sen dúbida, a obra máis importante da cultura sumeria, polo valor literario e a súa repercusión, é o Poema de Gilgamesh (provén dunha longa tradición oral que recollía as fazañas deste rei de Uruk -2650 a. de C.- e tras un proceso de elaboración de case 2.000 anos foise fixando co reinado de Asurbanipal –século VII a. de C.-).
As relacións comerciais propiciaron a circulación da materia literaria, o intercambio de historias e relatos. Isto explica que todo este material fose coñecido polos autores do Antigo Testamento ou polo gregos da época micénica e deixase a súa pegada na Biblia e en Homero.
Os personaxes de Gilgamesh presentan un repertorio bastante completo (tres niveis: divino, heroico e humano) nunha sociedade nimiamente piramidal, cunha autoridade civil e relixiosa que detentan un poder absoluto.
Asuntos e motivos recorrentes noutras composicións:
-O diluvio
-O motivo da viaxe como alegoría da vida (Ulises). Aparecen analoxías con Hércules no tocante ás diferentes peripecias e probas que ten que superar na viaxe.
-A loita contra o mal
-A vida eterna arrebatada por unha serpe
-O tópico do carpe diem

            Un dos acontecementos decisivos que tivo lugar na época mítica e que determina a condición actual do home é o drama do paraíso. O paraíso é o espazo primixenio onde o home era parte da totalidade e formaba parte con esa unidade e con Deus. Simboliza un estado de inocencia, de ausencia de mal. A expulsión marca a ruptura con esa unidade e o drama do desterro. Unha das metáforas das tradicións relixiosas que atopan eco na literatura é considerar a vida humana como un exilio, como un ambiente extraño no que un se sente como un estranxeiro e desde o cal quere volver ao seu fogar verdadeiro. O exilio está ligado co tema da busca, da transformación, e co mito do heroe viaxeiro.
            Para a literatura hebraica o drama do paraíso constitúe a súa historia fundamental.
            O riquísimo tesouro de crenzas e lendas relixiosas, a mitoloxía, serviu de fonte principal de inspiración para os gregos, e séculos máis tarde serviron de inspiración, pola súa beleza e profundo simbolismo, a toda a cultura occidental.

            A literatura chinesa

            É a literatura máis antiga de todas. Durante moito tempo foi descoñecida en Europa. China permaneceu illada durante miles de anos, ata que as viaxes de Marco Polo, o famoso comerciante italiano, descubrírona aos occidentais europeos. Ata hoxe hai dificultades para traducila, por ser a lingua chinesa tan distinta das linguas que nos son familiares.
            Desgraciadamente gran parte desta literatura milenaria perdeuse. Como os chineses escribían sobre táboas de bambú que non resistían o paso dos séculos, foi necesario copiar os escritos unha e outra vez. Ademais, no ano 213 a. de C., o fundador da dinastía Tsin mandou queimar todos os libros existentes, excepto algúns tratados de carácter técnico e histórico. Dous séculos máis tarde, e baixo outra dinastía, intentouse copiar e conservar os libros que quedaran.    
            Os grandes pensadores e filósofos da antiga Chinesa son Confucio e Lao-Tse, dos séculos VI e V a. de C.  O confucionismo e a doutrina de Lao-Tse son imprescindibles para coñecer o pensamento tradicional chinés pois a cultura e a civilización chinesas están fortemente impregnadas de relixiosidade.
            O confucionismo é sobre todo unha doutrina práctica. Non expresa grandes ideas divinas ou relixiosas, senón que tende a regular os actos humanos, a guiar a conduta dos homes. É máis un tratado de moral.          
            Lao-Tse é autor do Tao-te-king que reúne varios poemas de carácter elevado e místico, base da filosofía taoísta.           
            Para o taoísmo existen tres grandes forzas chamadas Ying, Yang e Tao. As forzas Ying e Yang opóñense, son a unha o contrario da outra. O Ying e o Yang non son dúas forzas inimigas, senón que ao enfrontarse se complementan. Por exemplo, a dureza e a fraxilidade están en todas as cousas.
            O Tao, a terceira forza, é o Principio Superior, porque é a forza conciliadora do Ying e do Yang a que reúne a todos os contrarios posibles: día-noite, vida-morte,etc..  O taoísta aspira ao Tao, é dicir, á non-loita, ao non-enfrontamento, á harmonía e conciliación.
           
          A literatura india

            Libros Veda  
            Os himnos relixiosos que os sacerdotes da antiga India empregaban para invitar aos deuses aos sacrificios, as fórmulas máxicas para afastar enfermidades, as crenzas do pobo... consérvanse en catro libros chamados Veda. ( Veda significa “ciencia”.) Os libros Veda están escritos en lingua sánscrita e son libros fundamentalmente relixiosos, pero tamén hai descricións de paisaxes e relatos de heroes, cheos de fantasía e imaxinación. 
            Poemas épicos  
            Na India, cando os reis ían á guerra, adoitaban levar con eles un poeta-recitador, chamado suta, que durante as batallas conducía o carro do mesmo rei.  Os sutas cantaban as fazañas dos reis e dos guerreiros heroicos. As peripecias dos heroes, as súas loitas con monstros e as súas forzas sobrehumanas son o tema de dous extensos poemas épicos indios: o Mahabharata e o Ramayana. Estes poemas gustaban moito ao pobo e facíanse lecturas públicas, ata nas festas relixiosas, porque hai partes moi amplas que falan de teoloxía, de coñecementos filosóficos e de moral.
            O Ramayana é un poema épico (50.000 versos), escrito por Valmiki. Narra as loitas do príncipe Rama para rescatar á súa fiel esposa Sita do poder do demos.  
            O Mahabharata ten unha extensión descomunal, máis de 200.000 versos. É o resultado do traballo poético de moitas xeracións. É máis unha enciclopedia da sabedoría sagrada e profana que a narración dunhas loitas.

 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Escritoras españolas del Renacimiento

A Idade Media